Canle de denuncias
FIEIS AO NOSO ADN
A actuación ética é un dos compromisos expresos que asumimos no ADN corporativo do Grupo Nueva Pescanova. Para dar un contido concreto a eses valores, principios e regras de actuación ética, dotámonos dun conxunto de normas de ética empresarial, integridade institucional e cumprimento normativo (Compliance) que guían a nosa actuación empresarial como Grupo e a de cada un dos profesionais que o integramos, sen excepción.
A NOSA CANLE DE CUMPRIMENTO
A Canle de Cumprimento do Grupo Nueva Pescanova é o mecanismo global, directo e integrado de comunicación polo que calquera persoa física, sexa ou non do Grupo (empregados, provedores, clientes, outros grupos de interese e terceiros en xeral) e desde calquera lugar do mundo, pode expor á Unidade de Cumprimento de maneira transparente e confidencial, mesmo anonimamente, Consultas ou Denuncias no ámbito do noso sistema de ética empresarial, integridade institucional e cumprimento normativo (materias de Compliance). A nosa Unidade de Cumprimento é un órgano interno, colexiado e permanente, dotado de autonomía e independencia de actuación, que ten encomendada, entre outras funcións, a de velar polo efectivo respecto e cumprimento do noso sistema de Cumprimento.
Deste xeito, a Canle de Cumprimento, pola súa propia natureza, esixe dos usuarios (pertenzan ou non ao Grupo Nueva Pescanova) unha utilización responsable, razoable, proporcional e leal, quedando expresamente prohibido realizar comunicacións ou dar información con manifesta mala fe, perseguindo fins desviados ou para danar inxustamente a honra, a intimidade ou o bo nome dunha persoa. Os usuarios haberán de actuar de boa fe, ser respectuosos, gardando o debido decoro e os bos costumes. O Grupo Nueva Pescanova non se pode facer responsable dos comentarios despectivos ou falsos que un usuario da Canle puidese verter contra calquera terceiro, sen prexuízo das accións legais que, no seu caso, puidesen corresponder á afectada fronte ao usuario que use maliciosamente a canle. O usuario da Canle asegura razoablemente que os datos persoais que proporciona son verdadeiros, exactos, completos e actualizados.
As condicións de uso, normas de funcionamento, principios informadores e regras de procedemento da Canle atópanse reguladas no Regulamento da Canle de Cumprimento do Grupo Nueva Pescanova.
Para garantir os mellores estándares de confidencialidade, protección de datos persoais, privacidade e seguridade da información, así como unha xestión segura, transparente, áxil e trazable das comunicacións que se efectúen (especialmente cando se fagan de forma anónima), o Grupo Nueva Pescanova conta cunha ferramenta tecnolóxica WhistleBlower xestionada por un provedor externo especializado neste tipo de sistemas de información e que utiliza estándares de seguridade da máxima esixencia. A través de WhistleBlower pódense presentar:
- CONSULTA, picando AQUÍ, para a formulación á Unidade de Cumprimento de calquera dúbida interpretativa, solicitude de orientacións sobre como proceder nun caso concreto, resolución de situacións dubidosas nas que se pide opinión sobre como resolver unha cuestión ética ou de cumprimento normativo, asesoramento sobre unha cuestión ou materia de Compliance, etc.
- DENUNCIA, picando AQUÍ, para poñer en coñecemento da Unidade de Cumprimento de situacións, accións, comportamentos ou condutas (activas ou omisivas) que afecten a un profesional do Grupo Nueva Pescanova (ou terceiros relacionados) que puidesen ser presuntamente ilegais, ilícitas, irregulares ou, en definitiva, contrarias ás regras e normas recollidas no noso Código Ético, a Carta Ética e Social do Provedor, a Política Corporativa de Prevención de Riscos Penais ou o Código Anticorrupción, entre outras normas do noso Sistema Normativo de Goberno Corporativo e Cumprimento.
Para poder remitir unha comunicación a través de WhistleBlower, ademais do Regulamento da Canle de Cumprimento do Grupo Nueva Pescanova, deberás ler e aceptar expresamente a Política de Privacidade de WhistleBlower do Grupo Nueva Pescanova.